por Xosé L. Garza
Estes días estiveron connosco mozos e mozas de Serbia, Ucraína, Italia, Lituania e Galicia no encontro Rural Voices promovido pola Lug Open Factory no marco do programa Erasmus + para promover a mobilidade da mocidade Europea. O obxectivo práctico era que mozos e mozas de todas as partes de Europa, coñecedores das súas áreas de influencia pensaran en qué posibilidades ten a mocidade europea nestas áreas rurais.
A estratexia era conseguir acadar unha serie de ideas, pensamentos e prototipos para que foran transmitidos ao resto da sociedade a través de varios medios de comunicación e valorar o futuro da Axenda 2030 e as preocupacións da mocidade. Levamos dous anos en pandemia e ao fin notouse claramente, a pesares do espíritu emprendedor tivemos que traballar moito as dinámicas de pensamento xa que este hábito mudou dabondo na nosa mocidade e ao non estar nun ambiente académico custa máis desenvolvelo; a pesares de todo os resultados foron pracenteiros e en breve faremos públicas as súas inquedanzas e preocupacións, así como as súas solucións.
Galicia é sen lugar a dúbida un espazo sobre todo rural, e a provincia de Lugo é boa mostra delo, así que toda esta mocidade tamén tivo a oportunidade de poder visitar zonas moi rurais como a zona do Courel, Triacastela e Samos e incluso ir a outras zonas tamén rurais na Mariña Luguesa. Neste marco amosaron inquedanza tamén a Directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e o Delegado Territorial da Xunta en Lugo que se achegaron a visitar aos rapaces para compartir con eles as súas inquedanzas que teñen que ver moito co rural.
Hoxe partiron estes trinta mozos e mozas e agardamos que a súa experiencia fora moi pracenteira e tiveran a oportunidade de coñecerse, de coñecer e de pensar en que vai ser do futuro dunha terra que moitos condenaban e que a pandemia amosou como a máis interesante para vivir. Podedes ver as fotos no noso facebook.